Audasa retoma o reforzo da seguridade vial en Rande e a PO-10

27.04.2020 (actualización)

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de autorizar a Autopistas del Atlántico S.A. (Audasa) á execución de dúas obras de mantemento na AP-9. Trátase da reparación das xuntas do viaduto da PO-10 sobre a autoestrada galega, á altura de Pontevedra, e da substitución da argamasa das xuntas da Ponte de Rande. O obxectivo é evitar posibles problemas na seguridade vial e mellorar a comodidade na condución dos usuarios.

A redución do tráfico, cun descenso superior ao 70% na intensidade media diaria (IMD) nas últimas semanas, supón unha oportunidade para materializar unha mellora duradeira cunha mínima afectación para os viaxeiros.

Os traballos na Ponte de Rande, que estaban previstos para comezar o 27 de abril, trasládanse á vindeira semana por causa das condicións metereolóxicas e prolongaranse inicialmente ata o xoves 30 de abril ás 13.00. Sempre estarán disponíbeis 2 carrís por sentido.  Se por cuestión metereolóxicas non se puideran concluir reiniciaranse o luns 4 de maio ás 9.00 horas ata o venres 8 de maio ás 13.00 horas. No viaduto da PO-10 sobre a AP-9, que une o nó do Pino coa rotonda de Marín, os traballos levaranse a cabo dende as 9.00 horas do 28 de abril se o permite a meteoroloxía ata as 19.00 horas do 29 de abril. Estas obras poderán supoñer algún corte de carril de xeito alternativo en ambos sentidos, ademais de pechar momentaneamente a saída cara Santiago, coa alternativa para os vehículos de realizar un cambio de sentido na rotonda de Marín.

A concesionaria galega comezará tamén nos próximos días o reforzo do firme en puntos concretos da autoestrada e da estabilización de cembas relacionadas coa seguridade vial. Tamén se solicitou autorización para iniciar a campaña de vexetación para a mellora da visibilidade da sinalización, así como para prevención de lumes e a realización de traballos de mantemento no valado que evita o acceso ás propiedades contiguas.