Audasa, un 19% máis de tráfico que a media española en 2019

29.04.2020

Autopistas del Atlántico SA (Audasa) vén de incrementar no 2019 nun 3,9% o seu beneficio, mellorando o seu tráfico en case un 19% por riba da media das 25 autoestradas do Estado. A compañía con sede en Galicia presenta hoxe as súas contas á CNMV con 153,4 millóns de euros en ingresos por peaxe (+6,4% respecto a 2018) e un beneficio de 42,3 millóns de euros (+3,9%). A AP-9 rexistra unha intensidade media diaria (IMD) total de 24.405 vehículos, un 1,5% superior á de 2018 e un 18,7% maior que a media de todas as autoestradas estatais.

A compañía conseguiu estes números despois de ter que incrementar as peaxes nun 3,51% en 2019, ao asumir Autopistas del Atlántico o 100% das inversións de ampliación en Santiago e a Ponte de Rande e os traxectos de volta gratuítos dos tramos entre Vigo e Pontevedra para vehículos lixeiros con telepeaxe.

A peaxe media real da AP-9 sitúase en 9 céntimos/km, xa que Audasa dedicou en 2019 un total de 10,8 millóns de euros a descontos e bonificacións aos seus clientes, un 11% máis que en 2018. A compañía aplica un 25% de desconto en todos os traxectos e a todos os vehículos lixeiros con telepeaxe que realicen traxectos de ida e volta no mesmo día laborable ou sábado; e un 75% adicional nos traxectos do tramo Vigo-Pontevedra (na viaxe de volta realizada por vehículos lixeiros no mesmo día laborable ou sábado e abonado con telepeaxe, que co 25% xeral queda bonificado nun 100%).

Audasa mellorou en 2019 os sistemas de cobro automático, que xa acadan o 85,6% de todos os seus tránsitos. A compañía vén de investir 5,9 millóns de euros en mellorar a infraestrutura e o seu entorno e 1,2 millóns en gastos medioambientais. En 2019 o cadro medio de empregados de Audasa medrou nun 6,7%, con 223 profesionais dos que un 40% son mulleres.

Plan coronavirus 2020

A compañía galega ten previsto adicar a meirande parte dos beneficios que xere en 2020 a preservar a súa liquidez, diante da drástica caída dos seus ingresos a partir do 14 de marzo. A IMD total da AP-9 reduciuse un 81% entre o 1 e o 19 de abril de 2020 con respecto ás mesmas datas de 2019. A compañía vén de adoptar un completo plan de medidas para afrontar o impacto da crise do coronavirus, dado que a sociedade foi declarada servizo esencial que debe manter todas as súas prestacións e garantías de saúde.

Desde que a Empresa Nacional de Autopistas (ENA) foi privatizada en 2003, o grupo Itínere xestiona o servizo sen ter repartido dividendo aos seus accionistas e dedicando o beneficio de Audasa durante 17 annos a reducir o seu endebedamento como consecuencia do pago de 1.622 millóns de euros ao Estado ese ano pola adquisición de ENA. En 2020 Audasa prevé utilizar a meirande parte dos beneficios que xere para preservar a súa liquidez diante do impacto da crise do coronavirus.

O paquete de medidas aprobado por Audasa inclúe un compromiso polo emprego (223 profesionais de plantilla media en 2019), control de liquidez e redución de gastos operativos. O paquete inclúe un plan de apoio social que, entre outras iniciativas, aborda o reparto de pantallas faciais en centros galegos de saúde ou a prestación gratuíta de servizos de desinfección en varios municipios galegos. A compañía non ten vencementos de débeda entre abril e decembro de 2020, pero aínda non está en disposición de calcular o impacto do descenso dos seus ingresos en 2020.

Autopistas del Atlántico – Presentación de resultados 2019 e medidas coronavirus 2020