Novas bonificacións na AP-9

28.07.2021. Autopistas del Atlántico aplica dende o 29 de xullo de 2021 ás 00.00 horas as bonificacións aprobadas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) para rebaixar o custo das peaxes da AP-9 e incentivar o uso da infraestrutura, un eixo para a comunicación e o desenvolvemento económico de Galicia.

A nova política de descontos, financiada polo Ministerio de Transportes, estará operativa ata a finalización da concesión en 2048.

DESCONTOS PARA VEHÍCULOS LIXEIROS CON TELEPEAXE EN TODA A AP-9, TODOS OS DÍAS DO ANO PARA AS VIAXES EN 24 HORAS

Para gozar das bonificacións aplicables a vehículos lixeiros é requisito necesario que se empregue como sistema de pago e control de paso pola autoestrada a telepeaxe.

Para poder aplicar os descontos, o Vía-T debe estar operativo, correctamente colocado no seu soporte no interior do vehículo e con saldo.

Bonificación do percorrido de volta

Vehículos lixeiros con Vía-T:

Viaxe de volta gratis sempre e cando o vehículo lixeiro pase con Vía-T pola estación de peaxe de destino no prazo máximo de 24 horas dende o pago do percorrido de ida, calquera día da semana, festivos incluídos. O percorrido de ida debe ser igual ao de regreso, pero en sentido contrario.

Desconto adicional no tramo Vigo-Tui (percorridos Puxeiros-Porriño, Porriño-Tui e Puxeiros- Tui, en ambos sentidos):

Vehículos lixeiros con Vía T:

Desconto do 50% no percorrido de ida, sempre e cando o vehículo lixeiro pase con Vía-T pola estación de peaxe de destino no prazo máximo de 24 horas dende o pago do percorrido de ida, calquera día da semana, festivos incluídos.  Os percorridos deben ter a mesma orixe e destino en sentido contrario. É dicir, a orixe da ida debe ser o destino da volta e viceversa.  En total, o desconto será do 50% no traxecto de ida e do 100% na viaxe de volta.

Gratuidade no tramo Vigo-Redondela (percorridos Rande-Vigo, Vigo-Redondela):

Vehículos lixeiros con Vía T:

Bonificación do 100% dos traxectos de ida e volta, sempre e cando o vehículo pase con Vía-T pola estación de peaxe de destino no prazo máximo de 24 horas dende o pago do percorrido de ida, calquera día da semana, festivos incluídos. Os percorridos teñen o mesmo par orixe/destino da autoestrada e sentido contrario de circulación.

Desconto para clientes frecuentes

Vehículos lixeiros con Vía T:

Rebaixa do 20% en todos os percorridos realizados nun mes, a contar dende o percorrido inicial, para aqueles vehículos que realicen 20 ou máis desprazamentos no devandito período.

A efectos de contabilización dos «desprazamentos»:

  • Enténdese como «desprazamento» o conxunto de todos os percorridos de pago realizados nun mesmo día nun sentido de circulación.
  • Terase en conta como máximo un «desprazamento» ao día por cada sentido da circulación.
  • Non se terán en conta os percorridos realizados nos tramos libres de peaxe ou con peaxe en sombra.

Ao final do mes, realizarase un abono polo importe correspondente ao 20% de todos os percorridos realizados con Vía-T, a contar dende o primeiro percorrido realizado no mes. A visualización dos cargos e abonos dependerá da entidade emisora do dispositivo Vía-T.

Os «desprazamentos» conseguidos non se acumulan, senón que cada mes que comeza, o contador de «desprazamentos» reiníciase a cero. O desconto para clientes frecuentes é compatible co resto das bonificacións para vehículos lixeiros.

Se non se utiliza a telepeaxe como medio de pago, o dispositivo non está operativo, non ten saldo ou non está correctamente colocado no seu soporte no interior do vehículo, aplicaranse as tarifas aprobadas para a autoestrada sen dereito a bonificación algunha.

Revisa como debes levar correctamente colocado o teu dispositivo Vía-T aquí.

BONIFICACIÓNS PARA VEHÍCULOS PESADOS

Desconto do 20% sen condicións en todos os tramos: os vehículos pesados benefícianse dunha rebaixa do 20% en todos os tramos da autoestrada, todos os días da semana e para calquera medio de pago. O desconto realizarase de forma automática no momento do pago na estación de peaxe e redondéase aos 0 ou 5 céntimos.

Gratuidade no acceso dende Redondela: bonificación do 100% dos percorridos internos no tramo Redondela-Vigo (orixe/destino Rande-Vigo) en ambos sentidos, incluído o acceso ao porto de Vigo.

Autopistas del Atlántico continuará financiando o desconto do 25% no percorrido de retorno aplicable a vehículos lixeiros que realicen a viaxe de ida e volta no mesmo día, en días laborables de luns a sábado e que empreguen a telepeaxe como método de pago.

Mantense a gratuidade para os clientes nos tramos Vigo-O Morrazo (ida e/ou volta) e A Coruña-A Barcala (ida e/ou volta) así como nos 36,7 quilómetros de tramos gratuítos das circunvalacións de Vigo, Pontevedra, Santiago e Ferrol.