Que debo facer se teño que desprazarme en coche?

30.03.2020.

O estado de alarma decretado polo goberno de España ante a crise do coronavirus limita a libre circulación de todos os cidadáns e, polo tanto, tamén os desprazamentos en coche. As únicas situacións permitidas para saír da casa son basicamente para ir e voltar do traballo, acudir ao hospital ou centro sanitario, mercar alimentos, medicamentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade, ou dar asistencia ou coidado a maiores, menores, persoas dependentes, persoas con discapacidade ou especialmente vulnerábeis. Tamén para cargar combustíbel en gasolineiras ou estacións de servizo.

É recomendábel viaxar só. O goberno vén de posibilitar que viaxe máis dunha persoa en cada vehículo, pero como máximo unha por fila de asentos. As únicas excepcións son para acompañar a menores, persoas con discapacidade, maiores ou se existe unha causa xustificada. Incumprir esta norma de confinamento ditada polas autoridades poderá supor unha sanción económica.

Como só se pode viaxar por un motivo de forza maior, é necesario levar consigo algún documento que o verifique: un certificado da empresa se é por motivos laborais ou o recibo da compra se foi para mercar alimentos ou outros produtos.

Non é obrigatorio o uso de mascarillas ou guantes, pero sí lavar as mans con frecuencia. Isto é especialmente necesario antes e despois de utilizar o coche. Tamén é recomendábel desinfectar elementos como o volante, o cadro de mandos, o cambio de marchas, a radio, etc. Segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) débese empregar unha solución que conteña como mínimo un 70% de alcohol. Tamén é suficiente con auga e xabón. É importante unha boa ventilación do vehículo. Como nos lembra o Servizo Galego de Saúde (Sergas), hai que tusir ou espirrar sobre un pano de papel e tiralo inmediatamente; se non tes un pano, tuse ou espirra sobre o brazo para evitar o contacto coa man.