Grobas e Purre reciben en Vigo os premios de fotografía Autoestrada do Atlántico 2019

13.09.2019. Ricardo Grobas, como mellor fototografía profesional, e Álvaro Rodríguez Purre, como mellor fotografía de aficionado, recibiron hoxe en Vigo os premios Autoestrada do Atlántico 2019. As imaxes de ambos fotógrafos e outros 23 seleccionados exhíbense ata fin de mes no centro cultural La Nacional de Nova York, aínda que unha reprodución das dúas imaxes gañadoras forman parte da exposición ao aire libre da rúa do Príncipe de Vigo, inaugurada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia.

Grobas e Purre recolleron as súas distincións e premios en metálico polo importe de 4.000 euros, outorgados por Autoestradas do Atlántico e entregados hoxe pola conselleira de Infraestructuras e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, e polo alcalde de Vigo, Abel Caballero. O acto de entrega dos premios realizouse durande a presentación da exposición Rande, unha ponte entre dous séculos, organizada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, que se exhibe na rúa do Príncipe ata o 18 de setembro (ante o Museo de Arte Contemporánea de Vigo).

Rande, unha ponte entre dous séculos resume en imaxes na rúa a historia da ponte que cruza a ría de Vigo dende a súa concepción ata a actualidade. A mostra inclúe bocetos, planos, imaxes históricas e as fotografías gañadoras do premio Autoestrada do Atlántico.
Tras a súa ampliación, a ponte de Rande é o tramo máis transitado de toda a AP-9, con máis de 22 millóns de vehículos de tráfico nos últimos 12 meses.