Audasa retoma o reforzo da seguridade vial en Rande e a PO-10

27.04.2020 (actualización)

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de autorizar a Autopistas del Atlántico S.A. (Audasa) á execución de dúas obras de mantemento na AP-9. Trátase da reparación das xuntas do viaduto da PO-10 sobre a autoestrada galega, á altura de Pontevedra, e da substitución da argamasa das xuntas da Ponte de Rande. O obxectivo é evitar posibles problemas na seguridade vial e mellorar a comodidade na condución dos usuarios.

A redución do tráfico, cun descenso superior ao 70% na intensidade media diaria (IMD) nas últimas semanas, supón unha oportunidade para materializar unha mellora duradeira cunha mínima afectación para os viaxeiros.

Os traballos na Ponte de Rande, que estaban previstos para comezar o 27 de abril, trasládanse á vindeira semana por causa das condicións metereolóxicas e prolongaranse inicialmente ata o xoves 30 de abril ás 13.00. Sempre estarán disponíbeis 2 carrís por sentido.  Se por cuestión metereolóxicas non se puideran concluir reiniciaranse o luns 4 de maio ás 9.00 horas ata o venres 8 de maio ás 13.00 horas. No viaduto da PO-10 sobre a AP-9, que une o nó do Pino coa rotonda de Marín, os traballos levaranse a cabo dende as 9.00 horas do 28 de abril se o permite a meteoroloxía ata as 19.00 horas do 29 de abril. Estas obras poderán supoñer algún corte de carril de xeito alternativo en ambos sentidos, ademais de pechar momentaneamente a saída cara Santiago, coa alternativa para os vehículos de realizar un cambio de sentido na rotonda de Marín.

A concesionaria galega comezará tamén nos próximos días o reforzo do firme en puntos concretos da autoestrada e da estabilización de cembas relacionadas coa seguridade vial. Tamén se solicitou autorización para iniciar a campaña de vexetación para a mellora da visibilidade da sinalización, así como para prevención de lumes e a realización de traballos de mantemento no valado que evita o acceso ás propiedades contiguas.

AESA autoriza o balizamento dos catro tirantes exteriores de Rande

22.04.2020

A Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), dependente do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, vén de autorizar o balizamento dos catro tirantes exteriores da Ponte de Rande, en Vigo, tras a ampliación do mesmo. A estrutura está dentro das servidumes aeronáuticas do Aeroporto de Peinador e supera os 100 metros de altura, polo que é necesario proceder ao seu balizamento.

A autorización estaba condicionada á instalación de luces de obstáculo cun sistema dual media A/media C, de modo que permitise aos pilotos das aeronaves visibilizar a ponte en condicións de baixa visibilidade.

A iluminación diurna consta de luces de obstáculo de media intensidade de tipo A no eixo central dos dous pórticos da ponte, que emiten luz branca de descintileos, dispostas en dous niveis: unha luz de obstáculo situada na parte máis alta e outra luz de obstáculo nun nivel intermedio.

A iluminación nocturna consta de luces de obstáculo de media intensidade de tipo C, que emiten luz vermella omnidireccional, ubicadas na parte máis alta dos dous pórticos e en tres niveis intermedios. Adicionalmente, de noite ilumínanse os tirantes exteriores con proxectores de luz dispostos sobre o taboleiro da ponte. Esta iluminación debe poñerse en funcionamento ao tempo que as luces de obstáculo de media intensidade de tipo C dos pórticos.

Dado que a instalación non podería ser visible en todos os ángulos de azimut, como consecuencia do apantallamento lateral dos propios tirantes da ponte, todas as luces de obstáculo ubícanse sobre o eixo central do lado exterior dos pórticos.

Asimesmo, o balizamento da Ponte de Rande condicionouse a que a secuencia de palpebrexo de todas as luces de obstáculo debía estar sincronizada.

A concesionaria da ponte solicitou a AESA a autorización do balizamento da ampliación da Ponte de Rande, en base ao cumprimento do art. 5.1.12 do Decreto 584/1972, de 24 de febreiro, de servidumes aeronáuticas, modificado polo Real Decreto 297/2013, de 26 de abril. A axencia vén de autorizar este proceso tras realizar unha inspección in situ e analizar a documentación presentada.

Audasa colabora co Concello de Padrón na desinfección das súas rúas

22.04.2020

Autopistas del Atlántico SA (Audasa), en colaboración co Concello de Padrón, levará a cabo no serán de hoxe labores de desinfección nas rúas deste municipio coruñés, ademáis das de Rois e Dobro, integrados na comarca das Terras de Iría. A concesionaria galega da AP-9 desprazará á zona unha brigada de dúas unidades móbiles da compañía, formada por un camión cisterna e un vehículo de apoio, para esparexer 12.000 litros de hipoclorito sódico.

O percorrido, que foi fixado por Protección Civil, comezará en Padrón e transcurrirá seguindo o que habitualmente fan os camións do lixo, incluíndo a rúas Rosalía de Castro, Castelao, Real e tamén na zona do Souto e na praza de abastos. Posteriormente desenvolverase nos municipios de Rois e Dobro.

Os equipos de Audasa (9 camións cunha capacidade de 10.000 litros cada un), que tamén traballan na desinfección da totalidade da AP-9, proseguirán con esta colaboración nas vindeiras semanas en distintos municipios de Galicia. Esta semana fixerono xa en Cambre e Culleredo.

Estas labores de desinfección xorden do ofrecemento da concesionaria galega ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana e á Delegación do Goberno en Galicia para axudar na loita contra a propagación do coronavirus. Audasa continuará con estes traballos en diferentes localidades galegas de xeito periódico e sempre baixo a coordinación das autoridades.

Audasa fabrica pantallas de protección con tecnoloxía propia para o seu persoal

18.04.2020

Autopistas del Atlántico SA (Audasa) vén de producir un total de 150 pantallas faciais para os postos de cara ao público do seu persoal, principalmente peaxistas e técnicos de mantemento, que son o colectivo de maior risco de contaxios de coronavirus. As pantallas foron fabricadas coa tecnoloxía propia da compañía galega, a través de impresoras 3D xeralmente utilizadas para a fabricación de pezas de reparación de instalacións e maquinaria, e cunha capacidade de produción de 240 unidades de pantallas ao mes. Para garantir a máxima seguridade, todas as pantallas faciais dos centros de traballo son desinfectadas antes e despois de cada novo turno.

A compañía, que tamén repartiu a semana pasada un lote de pantallas faciais nos centros de saúde de Sárdoma e Rosalía de Castro, en Vigo, vén de ampliar a produción para abastecer deste material de protección nas vindeiras semanas a institucións e centros sanitarios de Galicia.

Máscaras e guantes para todo o persoal

Dende o 15 de abril, todo o persoal de Audasa e Autoestradas de Galicia dispón de novos elementos de protección coa chegada de 3.000 máscaras FFP2 e 4.000 guantes de látex.

Audasa reafirma o seu compromiso co coidado dos seus traballadores ao tempo que traballa polo mantemento da actividade para ofrecer un servizo de máxima calidade e seguridade durante a crise sanitaria da Covid-19, co persoal de mantemento adicado preferentemente a labores de atención á vialidade invernal, centro de control e seguridade de túneis  e o establecemento da tarxeta bancaria e contactless e o telepeaxe como sistemas preferentes de pago nas peaxes, con persoal de apoio para cando sexa necesario.

Todas as gasolineiras da AP-9 continúan abertas

16.04.2020.

Todas as gasolineiras situadas na AP-9 permanecen abertas no seu horario habitual (dende as 7.00 horas ata as 23.00 horas) para todos aqueles usuarios que precisen combustíbel. As seis áreas de servizo entre Ferrol e Tui da Autoestrada do Atlántico están situadas nos seguintes puntos: O Burgo, no punto quilométrico 6; Miño, no 15F; Ameixeira, no 39; Compostela, no 81; O Salnés, no 114;  e en San Simón, no punto quilométrico 144.

En cada unha das áreas de servizo pódense adquirir produtos de primeira necesidade e as gasolineiras de Repsol serven de xeito gratuíto un almorzo aos transportistas profesionais. Tamén permanecen abertas as tres áreas de descanso da AP-9 (Piadela, no punto quilométrico 18; Marantes, no punto quilométrico 60; e Bértola, no 135).

Os equipos móbiles de Autopistas del Atlántico S.A. (Audasa) desinfectan regularmente todas estas áreas e todas as zonas de peaxe como medida de reforzo para garantir a seguridade na autoestrada galega, os seus usuarios e os traballadores da concesionaria durante a crise do coronavirus.

O tráfico na AP-9 diminúe un 42% en marzo tras as medidas do Goberno

6.04.2020.

O tráfico conxunto de todos os tramos da Autoestrada do Atlántico reduciuse un 42,48% en marzo en comparación co mesmo mes do ano pasado, pasando dos 22.125 vehículos diarios a 12.727, como consecuencia do decreto de estado de alarma pola crise do coronavirus do 14 de marzo.

A diminución da intensidade media diaria (IMD) é un 42,08% inferior á de febreiro, cando se rexistraron 21.974 vehículos ao día, e un 39,07% menor que a de xaneiro, con 20.888 vehículos.

En comparación co conxunto de 2019, a IMD de marzo supón unha caída dun 47,85% do número de vehículos diarios que transitan pola AP-9.

Mantemento da calidade do servizo na autoestrada

O persoal de mantemento da Autoestrada do Atlántico traballa desde o 27 de marzo de maneira preferente en labores de atención á vialidade invernal, centro de control e seguridade de túneis, en cumprimento da medida gubernamental para extremar ao máximo a prevención de posibles contaxios.

A pesares da forte caída da actividade, a empresa concesionaria (Autopistas del Atlántico SA) mantén operativa a estrutura necesaria para manter o servizo en condicións de seguridade e calidade, así como as medidas para velar polo coidado e a seguridade dos seus traballadores, e a día de hoxe non pediu ningún tipo de compensación ao Estado polas restricións de tráfico nin solicitou expedientes de regulación temporal de emprego.

Para seguir garantindo a actividade, os profesionais de Audasa que teñen a posibilidade de facelo operan en teletraballo e mantéñense as brigadas de obras para reparacións e emerxencias esenciais, ademais dos servizos de atención aos clientes nas áreas de peaxes e servizos centrais.

Os métodos preferentes de pago nas peaxes da AP-9 continúan a ser a tarxeta bancaria e contactless e o sistema de telepeaxe, co mantemento de persoal de apoio aos condutores por se fose necesario, e seguen activos os equipos que velan pola seguridade dos usuarios.

Que debo facer se teño que desprazarme en coche?

30.03.2020.

O estado de alarma decretado polo goberno de España ante a crise do coronavirus limita a libre circulación de todos os cidadáns e, polo tanto, tamén os desprazamentos en coche. As únicas situacións permitidas para saír da casa son basicamente para ir e voltar do traballo, acudir ao hospital ou centro sanitario, mercar alimentos, medicamentos, produtos farmacéuticos e de primeira necesidade, ou dar asistencia ou coidado a maiores, menores, persoas dependentes, persoas con discapacidade ou especialmente vulnerábeis. Tamén para cargar combustíbel en gasolineiras ou estacións de servizo.

É recomendábel viaxar só. O goberno vén de posibilitar que viaxe máis dunha persoa en cada vehículo, pero como máximo unha por fila de asentos. As únicas excepcións son para acompañar a menores, persoas con discapacidade, maiores ou se existe unha causa xustificada. Incumprir esta norma de confinamento ditada polas autoridades poderá supor unha sanción económica.

Como só se pode viaxar por un motivo de forza maior, é necesario levar consigo algún documento que o verifique: un certificado da empresa se é por motivos laborais ou o recibo da compra se foi para mercar alimentos ou outros produtos.

Non é obrigatorio o uso de mascarillas ou guantes, pero sí lavar as mans con frecuencia. Isto é especialmente necesario antes e despois de utilizar o coche. Tamén é recomendábel desinfectar elementos como o volante, o cadro de mandos, o cambio de marchas, a radio, etc. Segundo a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) débese empregar unha solución que conteña como mínimo un 70% de alcohol. Tamén é suficiente con auga e xabón. É importante unha boa ventilación do vehículo. Como nos lembra o Servizo Galego de Saúde (Sergas), hai que tusir ou espirrar sobre un pano de papel e tiralo inmediatamente; se non tes un pano, tuse ou espirra sobre o brazo para evitar o contacto coa man.

Información para transportistas diante da crise do Covid-19

30.03.2020.

As autoridades gubernamentais están a adoptar unha serie de medidas fronte a expansión do coronavirus que afectan directamente á mobilidade das persoas. Pero o transporte de mercadorías por estrada non está sometido ás restricións de carácter xeral. Autopistas del Atlántico, empresa concesionaria da AP-9, respecta e asume todas as decisións do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Así, na autoestrada galega as gasolineiras permanecen abertas as 24 horas para repostar e as áreas de servizo, no seu horario. Nestas últimas non se pode acceder ao interior, pero sí adquirir alimentos e bebidas ou outro tipo de produtos de primeira necesidade. Ademais, veñen de instalarse baños químicos no exterior de todas elas.

Durante o estado de alarma, a regulación aprobada polo goberno permite aos transportistas profesionais:

  • Conducir con dous ocupantes na cabina. Sempre coas necesarias medidas de seguridade.
  • Suspender os tempos de condución. Pódese conducir máis de 10 horas diarias, pero deben respectarse os descansos e pausas obrigatorias.
  • Circular con documentos caducados que non puideron ser renovados durante estes días.
  • Recoméndase contar cun certificado de desprazamento mentres se traballa.
  • Prorrógase a validez das autorizacións e certificados de transporte de animais.
  • As mudanzas poden continuar traballando, axustándose ás medidas de seguridade.
  • Os talleres continuarán abertos e suspéndense as xestións presenciais na DGT.

Para máis información, pode consultarse a guía sobre o coronavirus para o transporte e a loxística elaborada por UNO, agrupación de empresas relacionadas coa cadea de suministros (transporte, almacenamento, etc.).

Autopistas del Atlántico fronte ao coronavirus

30.03.2020.

Diante da situación excepcional que vivimos coa propagación da pandemia do Coronavirus (Covid-19), en Autopistas del Atlántico puxemos en marcha un plan para facer todo o posible na loita contra a expansión do Covid-19.

  1. Dispositivo especial para frear a propagación. Boa parte dos nosos empregados traballan xa dende as súas casas e veñen de tomarse medidas especiais cos profesionais considerados nos grupos de risco. Reducimos e redistribuimos o número de integrantes de cada equipo, especialmente os que traballan na vía. Pechamos os espazos comúns das nosas instalacións como salas de reunión, comedores, vestiarios, etc.
  2. Fomentamos a utilización da telepeaxe e as tarxetas bancarias. Reducimos o contacto entre persoas, especialmente entre os usuarios e os técnicos das cabinas de peaxe, e evitamos a propagación do Covid-19. O persoal de cabina estará para asistir a aqueles usuarios que o precisen.
  3. Manter en perfecto estado a AP-9. Mantemos operativos todos os equipos necesarios para a seguridade dos viaxeiros que circulan pola autoestrada. O noso centro de control segue en funcionamento as 24 horas do día.
  4. Atención 24 horas no teléfono de atención a emerxencias: 900 816 238.
  5. Intentamos resolver as túas dúbidas:
    1. Pode ir máis dunha persona no coche? É recomendable non viaxar e, de ter que facelo, facelo só. Permítese unha persoa por cada fila de asentos. As únicas excepcións son o acompañamento de menores, as persoas con discapacidade ou maiores ou a existencia dunha causa xustificada. Incumprir esta norma de confinamento ditada polas autoridades poderá supor unha sanción.
    2. Teño que levar un certificado especial cando me desprazo ao traballo? Cómpre levar un certificado que nos debe proporcionar a empresa onde traballamos.
    3. Que sancións poden impoñerme por incumprir o illamento e desprazarme en coche? O estado de alarma contempla sancións económicas a partir dos 100 euros.
    4. Están activas as áreas de servizo? É posible repostar nelas? E mercar cousas? As gasolineiras están abertas as 24 horas con autoservizo e pódese repostar. Nas áreas de servizo é posíbel mercar produtos básicos, pero non se pode acceder ao interior, como medida preventiva. Ademais, procedeuse á instalación de baños químicos no exterior.
    5. Podo pagar na peaxe con moedas? Si, pero recoméndase a utilización do sistema de telepeaxe ou pagar con tarxeta para evitar posíbeis contaxios.
    6. Podo determe nas zonas de descanso? Sí, pero non é recomendábel. As viaxes han de realizarse estritamente por causas de índole necesaria.

 

Medidas para evitar contaxios de coronavirus na Ap-9

13.03.2020.

Autopistas del Atlántico (Audasa) establece dende hoxe as vías automática e dinámica como formas de pagamento preferente nas peaxes da Autoestrada do Atlántico Ap-9 –un sistema que permite, ademais da telepeaxe, o abono con tarxeta bancaria, o abono con tarxeta mediante a tecnoloxía contactless ou en efectivo a través das máquinas habilitadas, que inclúen a posibilidade da devolución do importe–, e mantén a presenza de persoal de apoio para asistir aos condutores en caso de necesitalo. A medida foi adoptada como método preventivo fronte á expansión do coronavirus para a protección dos profesionais da autoestrada e de todos os usuarios.

A resolución foi aprobada conxuntamente co comité de empresa da concesionaria galega tras informar á inspección do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana en Galicia.

Audasa mantén activos a todos os efectivos de conservación, seguridade e de atención aos usuarios. Tamén permanecen sen cambios os equipos que aseguran a vialidade invernal da infraestrutura viaria e os traballadores do centro de control. A concesionaria galega contempla que parte do persoal da súa sede central poida teletraballar.

Seguindo en todo momento as directrices do Goberno de España, Autopistas del Atlántico continuará traballando para garantir o correcto funcionamento da Ap-9 e manter a calidade dos seus servizos aos usuarios.